A introdución da quimioterapia do cancro supuxo unha revolución para o tratamento desta enfermidade naqueles casos nos que a curación non era posible só coa mera extirpación do tumor e demostrouse efectiva nun amplo abano de pacientes; porén un dos seus principais problemas é a aparición de resistencia contra o medicamento antitumoral usado.
Un novo estudo, desenvolvido por científicos do Instituto de Investigación Biomédica de Bellvitge (IDIBELL), revela unha causa da resistencia múltiple na quimioterapia do cancro.
O traballo foi publicado no Proceedings of the National Academy of Science (PNAS), e realizado polo grupo de Manel Esteller, director do programa de Epigenética e Biología do Cancro (PEBC) do IDIBELL, investigador ICREA e profesor de Xenética da Universidade de Barcelona.
Sábese que existen tumores que presentan unha resistencia cruzada contra distintos fármacos dende o momento en que xorden e aínda que non se comezase cun tratamento.
“Atopamos un 10% de tumores de colon e estómago que presentan a perda dunha molécula denominada TP53TG1, cuxa función en células sas é previr a activación da proteína YBX1. Sen esta molecula, a proteina YBX1 encárgase de ir ao núcleo da célula e activar centenares de oncóxenos que impedirán a morte das células malignas que inducen os fármacos antitumorales,”comenta Manel Esteller.
O espectro de resistencias inducidos por este mecanismo é extenso e inclúe fármacos usados no tratamento común deste tipo de cancros ( o 5-fluorouracilo, o oxiplatino ou o irinotecán), pero tamén medicamentos dirixidos ás dianas moleculares recentes (tales como os inhibidores de quinasas). A partir dos resultados publicados en PNAS, explica Esteller, fáltanos por estudar si queda algún fármaco que se escape a este mecanismo de quimioresistencia múltiple e tamén explorar si devolver a actividade da molécula TP53TG1 significaría recobrar a sensibilidade destes tumores aos fármacos analizados, o que representaría un beneficio clínico para estes pacientes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario